IX ÉPOCA

4.10.08

Salvar o noso patrimonio industrial

Fábrica de salgadura na rúa Julián Estévez (1807)

Parece que os arquitectos volven neste ano a chamar a atención sobre a arquitectura industrial viguesa, na celebración do Día Mundial da Arquitectura 2008. Dende VB sumámonos moitas veces á defensa deste transcendental patrimonio, nomeadamente na defensa dese emblemático edificio, auténtica catedral civil de Vigo, a Panificadora.
Hoxe queremos chamar a atención sobre o perigo de destrucción dun dos elementos máis antigos e singulares dese patrimonio especialmente vinculado á razón de ser do desenvolvemento da nosa cidade: a fábrica de salgadura da rúa Julián Estévez, gravemente ameazada, trala aprobación definitiva do PXOM.

A fábrica, construída en 1807, tal e como reza o dintel da súa fachada, presenta un bo estado de conservación, habida conta da súa antigüidade e abandono. Segundo persoas ben informadas, conserva no seu interior as estructuras propias destas factorías: tanques de salgadura, patio de traballo e mesmo unhas magníficas escaleiras que daban acceso á zona de vivenda, no andar superior, como era común nestas construccións.
O PXOM, inexplicablemente, cataloga esta edificación como "ambiental", o que significa o menor grao de protección entre os elementos do catálogo. Isto é, que pode ser alterada substancialmente e conservados só os seus elementos máis evidentes, non estructurais. Pior aínda: a ficha do PXOM xa indica que poderá ser trasladada, retranqueada para ampliar a rúa Julián Estévez e tampouco protexe a súa parcela, un interesante patio e finca que supón un inorme valor engadido para unha futura utilización museística tras unha desexable rehabilitación.
Tales actuacións, na mellor tradición viguesa de imobles móbiles, significarían a perda dos seus valores e a deturpación grave do seu carácter e posibilidades de usos culturais, aos que, se se tivese a máis mínima sensibilidade coa nosa historia, se debería adicar.
Porque a existencia desta fábrica, máis antiga cá que alberga o Museo Massó en Bueu, é un eslabón fundamental na comprensión do desenvolvemento industrial vigués, da súa vinculación a explotación dos recursos mariños.
Esta factoría multiplica a súa importancia se a situamos no "itinerario" histórico e patrimonial do VIgo de hoxe: temos un Museo do Mar, unha factoría de salgadura romana ben conservada na rúa Marqués de Valladares, datada no século II d.C., unhas salinas conservadas baixo o edificio do SERGAS en Rosalía de Castro, relicto do que foi unha grandísima explotación de extración de sal para a industria local da conserva, que se prolongou ata o século XVIII, como se pode apreciar nas salinas da Xunqueira do Lagares (tamén ameazadas pola irracionalidade de situar alí unha macrodepuradora). Vigo conserva, tamén catalogada, a magnífica fábrica de Conservas Alfageme, en Bouzas, aínda en uso, unha instalación industrial que se sitúa na liña histórica de continuidade entre a actividade conserveira romana e a actualidade. ¿Poden moitas cidades exhibir con tanta riqueza e coherencia un patrimonio industrial tan vencellado ás súas orixes como urbe moderna? ¿Pode Vigo permitirse destruir un elemento tan significativo e singular como a fábrica de Julián Estévez? ¿Alguén se pode imaxinar a inorme potencialidade cultural de vincular este itinerario?, ¿Pode Vigo só adicar á súa histoira conserveira o cutre "Museo" de ANFACO?.

Salvemos a fábrica de salgadura de Julián Estévez, salvemos o patrimonio industrial do mar de Vigo, poñamos en valor a nosa historia.

3 comentarios:

El viajero de una noche de invierno dixo...

Pero pabliño, no me seas iluso. ¿Qué puede la Historia frente al pujante urbanismo especulativo?

Pablo Eifonso dixo...

Viaxeiro... tan pouco iluso coma ti cando atopas, entre tanto desastre urbano e paisaxístico, a beleza real das cousas nesas magníficas fotografías do teu blog. Noraboa.

pablo gonzalez dixo...

Estimado Pablo, al fin alguien saca a relucir los edificios de Julián Estévez. Los últimos reductos del Arenal que milagrosamente han sobrevivido. Todas esas fachadas debieran ser conservadas si vivieramos en una ciudad orgullosa o, al menos, conocedora de su pasado. Ahora que se habla de la inevitabilidad del relleno en beneficio del Puerto y de la Zona Franca, podría hacerse un esfuerzo para incluir esas maravillas que son a penas una nimiedad en el conjunto.

Siempre me extrañó que vivieran abandonadas del conjunto de edificios a conservar. Nuestra costa es industrial desde el siglo pasado. Y ahora que pretendemos pasar a la siguiente fase de la esquizofrenia hortera, con paseos entre industrias, túneles y pasarelas, ese puñado de edificaciones debiera "ser puesto en valor".

Enhorabuena por recordárnoslo.