11.6.14

Por unha política de equipamentos culturais en Vigo

Se afirmo que seguir empregando fondos para abrir un Centro de Fotografía de Galicia no Casco Vello é un despropósito, máis de un botarase as mans á cabeza. Acalmarase algo se lle digo que tal equipamento é só unha ocurrencia dalgún concelleiro ou asesor do BNG nos tempos nos que gobernaba co PSOE en Vigo. Ocurrencia amparada no reparto naquel bipartito con Alcaldía e Tenencia de Alcaldía, dos cuantiosos fondos do Plan E e na circunstancia de corresponderlle ao BNG como "territorio" o Casco Vello.
Será máis fácil de entender a miña postura, se se pensa que a outra gran ocurrencia dese bi-goberno BNG, foi a Pinacoteca. Unha ocurrencia lucrativa para algúns coñecidos de Santiago Domínguez, que, sumando así a la brava, irá polos 4 ou 5 millóns de euros.
Nada e en ningún sitio recollía tales accións de goberno: nin no planeamento, nin en ningún estudo o estratexia previa; había diñeiro, e había que gastalo o mellor posible.
Pero, diranme vostedes, puido ser unha boa ocurrencia...
Vexamos: a Pinacoteca debilitou, se é posible facelo aínda máis, o Museo de Castrelos, trasladando a modesta, aínda que pomposamente autonomeada "Mellor colección de arte galega",  a un local inapropiado e carente dos mínimos imprescindibles para ser chamado nin tan sequera colección visitable. Despois do tempo que pasou dende a súa apertura, o seu persoal redúcese aos seguratas e a un funcionario que ostenta o fantástico posto de "Xefe do servizo da Pinacoteca": sí, créanme, un servizo sen persoal propio, pero con xefe cobrando por isto.
Poderiamos pensar que, bueno, a fin de contas, depende do centro-nai, o Museo de Castrelos que suplirá cos seus medios persoais os que lle faltan á pinacoteca. Pois non: en Castrelos o persoal repítese: outro "xefe de servizo" -o Director-, una técnica moi especializada, Mapi Egea --ben coñecida pola súa experiencia en axencias de publicidade amigas de Corina--, e un par de administrativos e... outra vez os seguratas. Non, non hai nin un mísero conservador de pintura ou de arqueoloxía, as dúas coleccións do Museo.

Dende Vigoblog crémos que é imprescindible poñer  orde ao despropósito do equipamento cultural na cidade. Estamos seguros que pouco se logrará con comisións de expertos -que, maiormente, nono son-, nin con decisións erráticas e duplicidades.
A política de equipamentos culturais, no que se refire ao seu principal referente urbano no Centro de Vigo, pasa por ordear o puzzle existente, no que son pezas importantes o MARCO e os dous Centroa culturais substraídos aos cidadans polo Banco herdeiro da Caja de Ahorros Municipal de Vigo, rescatado polo Estado e vendido ao mellor postor. Por esbozar só algunhas ideas que irmos desenvolvendo noutras entradas:
    - Integrar os fondos dos arquivos fotográficos (Pacheco, Vigovisións, Llanos...) e da colección de arte actualmente na Pinacoteca, no MARCO, formando a súa colección permanente. Os edificios da Pinacoteca e do nonnato Centro Galego de Fotografía, reformalos para vivenda social. Ampliación e dotación adecuada do Museo de Castrelos como Museo da Cidade.
    - Integrar a colección de arte galega da antiga Caja de Ahorros Municipal de Vigo no MARCO. A fin de contas: ¿quen, senon o pobo de Vigo, pagou a súa merca?.
    - Reforzo do carácter de sala de exposicións temporais institucionais da Casa das Artes
    - Devolución ao patrimonio público do Centro García Barbón e do Centro Social Caixanova (Policarpo Sanz). O primeiro, para a súa municipalización e programación cultural do Concello, escolas de música e iniciativa sociocultural. O segundo, cedéndoo, trala súa municipalización, en réxime de autoxestión, aos colectivos e iniciativas culturais de base da cidade, ao estilo de centros deste tipo existentes noutros lugares (ao estilo da Tabacalera madrileña o do desaparecido Tacheles berlinés, por poñer só un par de exemplos).
    - Dotación dunha colección permanente ao Verbum, mediante a súa reconceptualización dende a súa aburrida exposición virtual a Museo da Comunicación con obxectos reais e estructura e programación axeitada. As coleccións accesibles neste momento xa serían:
  • Colección que existía nas instalacións da ETEA, de obxectos, aparelllos e documentos  relacionados coas telecomunicacións da Armada, hoxe repartidos entre Ferrol, Museo do exército (páxina 70 do enlace) e Club Marinetea
  • Colección de máquinas de escribir de Sirvent, que así atoparía un lugar idóneo onde exhibirse permanentemente
  • Colección de máquinas de tipos dalgunhas das imprentas de Vigo que desapareceron nos últimos anos; creación dunha Imprenta clásica municipal para edicións especiais
  • Colección de El Pueblo Gallego, actualmente no arquivo municipal e do Faro de Vigo (que podería depositar esta empresa); coleccións de revistas ilustradas existentes nas hemerotecas da Fundación Penzol e Escola de Artes e Oficios
  • Répicas das pedras epigráficas (estelas e aras do Museo de Castrelos), como referencia das primeiras escrituras viguesas coñecidas
Por que non comezamos por reivindicar a xusta devolución ao pobo de Vigo dos Edificios culturais da desaparecida Caja de Ahorros Municipal de Vigo e da súa rescatada herdeira Novacaixagalicia?

6 comentarios:

  1. D.Pablo.¿que hará Ud cuando los del bng ya no se aposenten en el concello?
    ¿le tocará a los de Podemos o a los de AGE?
    Que disgusto se va a llevar cuando el sr. Caballero,elegido por dios y por españa y por el susodicho bng, no vuelva a recuncar...

    ResponderEliminar
  2. A nugalla é mala compañeira; para tranquilizar a súa preocupación: no marco da dereita de Vigoblog, sección etiquetas, elixa a do político ou grupo muncipal que máis raiba lle dea. Lea algo. Daquela levará unha gran alegría ao comprobar que o seu extemporáneo comentario é unha tontería.
    Por certo: en que parte discrepa do fondo do asunto que trata esta entrada?

    ResponderEliminar
  3. Subscribo ao 100% as túas teses... Dende o meu punto de vista, o problema de Vigo é que ningún dirixente creu nunca nos beneficios (e non me refiro só a económicos) dun patrimonio cultural ben xestionado: unha cidadanía máis formada, un entorno máis amable,... Sempre foi percibido como un problema e non como unha oportunidade, e mentres non se de este cambio mental, non hai nada que facer. Aquí fixéronse as cousas a golpe de "inspiración" dos políticos ("...estaría ben facer isto...", "...fun a tal cidade e vin isto...",..), cando o que é necesario e un plan director da cultura da cidade: saber dende onde partimos, e ata onde queremos chegar, cunha planificación que vaia máis alá de catro anos vista. De todos xeitos, na túa proposta de rede museística, boto en falta a presenza dun museo arqueolóxico con posibilidades expositivas, dotacións, e evidentemente persoal. O do Museo de Castrelos sen técnicos non sei se é para rir ou chorar. Novamente parabéns polas túa reflexións, comparto nas miñas redes sociais.

    ResponderEliminar
  4. Alicerce, grazas pola túa reflexión e comentario. Non toquei máis que de esguello o Museo de Castrelos pois quería centrarme especialmente no Centro da cidade e nese sensenso que é o Verbum. Penso que o mellor para as coleccións arqueolóxicas viguesas é un Museo de Castrelos ben pllanificado como Museo da Cidade. Dentro desa planificación debería incluirse a ampliación das súas instalacións, especialmente para albergar arqueoloxía. Esta ampliación sería perfectamente viable cun proxecto singular, ben na zona que hoxe ocupa a rotonda de entrada extramuros (a que esperan para eliminar o tráfico interior do parque de Castrelos?), ben soterrada baixo a gran pradeira que está a unha cota superior, tralos restos do pazo de Concepción Arenal.
    Un saúdo

    ResponderEliminar
  5. Unas líneas para apoyar el artículo y proponeros presión sobre la municipalización de los edificios García Barbón y Casa de Arines. La nueva Abanca, antes o despues, no tiene ninguna vocación cultural y en Vigo hace mucha falta retomar las líoneas de actuación, solo en esto, de la antñígua Caja de Ahorros MUNICIPAL de Vigo. Y digo bien claro y alto lo de la dependencia del Concello.
    Saludos.
    Ataturk.

    ResponderEliminar
  6. Perfecto ,para ahondar más , a veces pienso que con mas voluntad politica ganar para la ciudadania el teatro Fraga , seria genial

    ResponderEliminar

Por favor asina cun nome de usuario (se estás rexistrado en google ou blogger) ou cun "nombre" (que xa sabes que pode ser un alcume.
Evita no posible usar anónimo.
Así debatiremos mellor.
Grazas.