30.3.08

Parte médico do paciente: PXOM Vigo (Remitido)

Remitido á redacción de Vigoblog por Alternativa Veciñal:

SR. CONSELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE, DA XUNTA DE GALICIA.

PARTE MÉDICO DO PACIENTE: PXOM VIGO

O PACIENTE AGONIZA, PERO A SÚA EVOLUCIÓN SOMETERASE A TODOS OS CONTROIS MÉDICOS PARA GARANTIR QUE SE MORRE SEN MAIORES PROBLEMAS.

Asdo. O Doutor, Pachi Vázquez (Conselleiro Medio Ambiente)

A AVALIACIÓN DEVALÚASE

A avaliación ambiental estratéxica (AAE) é máis que realizar controis; é aplicar os principios de sostenibilidade. A avaliación ha de ser estratéxica: ha de realizarse ao principio (principio de precaución e principio de prevención) e ha de ser global (antes que avaliar os plans parciais). Ademais hase de realizar con transparencia e coa participación cidadá e incorporando os informes sectoriais. Non se pode recoñecer que a destrución (do rural) -ou unha guerra- non está xustificada e logo proclamar que se fará con todas as garantías ambientais (ou respectando os dereitos humanos).

O Doutor Pachi di aos xornalistas que ao paciente váiselle a garantir un correcto seguimento e control. Pero o Doutor Pachi comete unha fatal e imperdoable neglixencia médica ao realizar o diagnóstico do PXOM de Vigo: "Non hai deficiencias de tipo sustantivo; non haberá que corrixir nada". A verdade é que o paciente está en estado crítico e debe ser intervido con urxencia. A arrogancia e ignorancia levan a actuar irresponsablemente e con lixereza. E o Doutor Pachi -e o seu equipo- comete un erro médico. E aínda atrévese a dicir que co seu tratamento o paciente "vai cumprir".

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Por favor asina cun nome de usuario (se estás rexistrado en google ou blogger) ou cun "nombre" (que xa sabes que pode ser un alcume.
Evita no posible usar anónimo.
Así debatiremos mellor.
Grazas.