6.7.05

Ventura Pérez Mariño: acoso e derribo

Datos para facerse unha composición de lugar de por que como e cando se iniciou a cruenta operación de acoso e derribo de Ventura Pérez Mariño (VPM):

- Na negociación do pacto previo á investidura, o BNG plantea a súa opción por Urbanismo e por un recoñecemento expreso do bo facer durante o mandato de Pérez Castrillo. O PSOE non acepta a cesión de Urbanismo e introdúcese no texto do pacto vagas alusións positivas ó goberno anterior, entre as que se encontra o recoñecemento do positivo PROCESO de redacción e consulta do novo PXOUM. O PSOE plantea a necesidade de UN só goberno de carácter "presidencialista" (A Lei de Réxime Local é fortemente presidencialista).
- Primeiro día do pacto: toma de posesión: VPM é abroncado e insultado publicamente por un grupo de asistentes ó Pleno de investidura, na súa maior parte afiliados do BNG. Entre os que abuchean está a muller de Lois Pérez Castrillo e a que ata hai uns días fora a secretaria particular (cargo de confianza pagado polo Concello) de Castrillo (antiga presidenta da Asociación Veciñal de Valadares). A razón: o alcalde non utiliza o galego no seu discurso.
- O decreto de delegacións tarda máis do habitual. Por primeira vez ese decreto faise conforme á legalidade cunha descripción exhaustiva das competencias que se delegan. O BNG fal públicas as súas airadas protestas
- VPM, tal e como se comprometera no pleno de investidura, propón rebaixarse o seu soldo nun 10% así como o dos concellais con adicación exclusiva. Os votos do BNG e PP impídeno. O alcalde, inmediatamente despois do pleno -en compañía dos seus concelleiros- anuncia que doará ó Concello o 10% do seu soldo, así como o 5% do dos concelleiros con adicación exclusiva. Gran bronca mediática do BNG e PP que acusan ó alcalde, entre outras cousas, de prepotente.
- VPM propón unha reunión diaria de coordinación do goberno ás 9 da mañán. Comentarios retranqueiros de Xabier Toba e negativa a reunirse por parte do BNG.
- Xullo, consello da Xerencia sobre as licencias no PERI Finca do Conde. O PSOE propón unha fórmula para evitar que a continuidade das licencias (despois de tres sentencias que anulan o PERI aprobado por Manuel Pérez) supoña un grave prexuízo futuro para ó Concello pola posibilidade de que se produzan indemnizacións multimillonarias no caso de que se fagan firmes as sentencias e se anulen xudicialmente as licencias concedidas. O voto en contra do PP e a abstención do BNG, impiden que a proposta saia adiante. APROIN presenta un recurso de reposición contra este acordo (que se verá en outubro, con nova abstención do BNG que provoca que as licencias continúen o seu curso). Mauricio Ruiz, concelleiro de urbanismo (PSOE) manifesta non comprender a postura do BNG que lle parece incoherente co que debera ser unha postura unitaria do goberno (o BNG tíñase manifestado reiteradamente contra a operación do PP-Finca do Conde). Xabier Toba (BNG) explica a súa abstención en que "é un asunto complexo".
- Citroen plantea a incompatibilidade do proxecto de Centro Comercial e novo estadio en Balaídos coa producción da fábrica, no momento en que se tramita no Concello de Vigo a posible modificación do planeamento para permitir a operación urbanístico-deportiva. VPM tras diversas consultas oponse a esta operación e plantea o estudio dunha reforma do campo actual. O BNG reacciona defendendo, como viña facendo ata o momento, a postura da SAD Celta (que conta co aval de Caixanova) e volve a acusar a VPM de prepotente.
- A SAD Celta esixe ó Concello que pague os gastos derivados da participación do equipo de fútbol na Champions. VPM oponse a tal pretensión e, apoiado nos informes xurídicos da secretaría xeral do Concello sobre o contido do convenio, indica que só se fará cargo dos gastos que corresponden á infraestructura do estadio (reparacións do sistema eléctrico). Castrillo é partidario do pagamento completo e propón como fórmula intermedia facerse cargo dese pagamento a cambio de 2.000 entradas. As descalificacións a VPM por parte do BNG e PP soben de tono.
- Setembro. O PSOE presenta unha proposta no Consello da Xerencia de Urbanismo para solucionar os graves problemas planteados coas cesións de parcelas na Bouza Sur á entidade Miraflores Vigo, SA en 1998 (Manolo Pérez) e ó lío xurídico que se producíu como consecuencia do contrato de permuta asinado a proposta do BNG co a entidade Miraflores SA polo que se pretendía salvar de edificación as parcelas da Bouza Sur a cambio dunha permuta con parcelas do patrimonio municipal (acordo que foi duramente criticado polo PSOE por pender sobre el unha posible sentencia contraria ó acordo de 1992 que logo se producíu efectivamente o 17 de xullo de 2003). A proposta inclúe a solicitude á Sala do Contencioso-administrativo da suspensión xurisdiccional do acordo de permuta asinado por Castrillo o 28 de abril de 2003. A proposta do PSOE apróbase só cos votos deste grupo. PP, BNG e PROVI absténense. Só dá explicación de voto Soto Ferreiro. (acta da xerencia en: http://hoxe.vigo.org/pdf/xerenciaurbanismo/CXU20030918.PDF).
- No mes de outubro trátase no Consello da Xerencia unha reclamación dos actuais propietarios da parcela do Colexio Cluny. A proposta do PSOE é non dar por válido o convenio asinado por Manuel Pérez nin o "preacordo" de novo convenio de 5 de maio de 2003, negociado entre os redactores do PXOUM (Consultora Galega) e a promotora (rebaixa da edificabilidade prevista no convenio de 1998) (Toba de concelleiro de Urbanismo). Esta proposta impide de feito as pretensións indemnizatorias da promotora e abre unha posibilidade real de manter a edificación do colexio actual e o seu uso dotacional público. Apróbase por unanimidade. Recoméndase unha lectura atenta da acta en http://www.vigo.org/pdf/xerenciaurbanismo/CX031009.PDF, especialmente no referente ó convenio pactado en maio de 2003 e explicación de voto de Toba Girón no que recoñece que a proposta de 5 de maio partíu do equipo redactor do PXOM.
- Selección do Xerente de Urbanismo. VPM advirte ó BNG que a elección de Xabier Rivas como Xerente, significará a rotura inmediata do pacto de goberno por consideralo unha inxerencia nunha área de responsabilidade do PSOE. Forte reacción do BNG negándose a tal posibilidade. Proposta de VPM ó BNG de renunciar a cadanseu candidato e pactar un terceiro. Negativa do BNG. No Consello da Xerencia decisorio sobre a elección, VPM solicita do BNG unha semana de prazo para achegar posturas. Negativa do BNG e votación. Cos votos do PP-BNG-PROVI, elísexe como Xerente a Xabier Rivas. Ventura Pérez Mariño asina de inmediato un decreto anulando as delegacións que correspondían ó BNG. As "descalificacións" persoais do BNG soben ó seu máximo nível ata o momento. Decreto de VPM polo que se establece a finalización dos salarios que os concelleiros do BNG percibían en razón dos seus cargos (cómpre aclarar aquí, contra o que se dixo que isto non é unha decisión voluntaria ou "castigo" engadido de VPM, senon unha obriga legal, pois o decreto de delegacións VINCULA o cargo ó salario. Se os seguisen percibindo -sen un novo acordo previo do Pleno- VPM incorrería en prevaricación).
- Unha carta de apoio a VPM asinada por unhas mil persoas de Vigo e publicada na prensa local, produce unha descalificación xeralizada por parte do BNG e PP dos asinantes. Acúsase mesmo a VPM de pagar persoalmente os anuncios, aínda a sabendas de que a súa inserción na prensa é costeada polos asinantes.
- O BNG síntese agraviado por non seren invitados polo alcalde á inauguración do novo Centro de Saúde do Casco Vello. O alcalde acode invitado polos promotores deste Centro: Consorcio da Zona Franca e Consellería de Sanidade, que, ó parecer, non cursaron invitacións ó resto dos corporativos. Castrillo afirma que era tradición no Concello que o alcalde fisexe extensiva as invitacións institucionais ó resto da Corporación. Acusa ó alcalde de "apropiarse" dos logros do goberno do BNG (acompáñase das habituais "descalificacións").
- O BNG e PP votan nun pleno, a proposta dos primeiros, un acordo "testimuñal" no que se solicita a "demisión" de VPM. Toba chama ó alcalde, entre outras cousas na súa intervención no pleno, "protofascista portanetista".
- Novo Trámite na Xerencia de Urbanismo para a licencia do Centro Comercial da Finca do Conde. VPM decide delegar a competencia na concesión desta licencia no Consello da Xerencia e presentar recurso contencioso a título particular (xunta con Mauricio Ruíz e Miguel Barros) contra acordos anteriores da Xerencia que permitían a continuidade das licencias, para evitar indemnizacións multimillonarias a cargo do erario público que produciría unha previsible firmeza das sentencias que anulaban o PERI F do C. A presentación deste recurso incompatibiliza ó alcalde e ós dous concelleiros para participar na votación da licencia, recaendo así a presidencia do Consello en Toba Girón. Os insultos pronunciados por Chema Figueroa, Castrillo e Toba adquiren o seu máximo nível.
- A actualización ó IPC das ordenanzas fiscais que fora aprobada inicialmente cos votos de BNG-PSOE e PROVI, é agora rexeitada na súa aprobación definitiva polos votos en contra do BNG e PP. Asóciase finalmente esta votación, por parte de VPM a unha cuestión de confianza. (Isto dá pé ó BNG para apoiar ó candidato do PSOE para a presidencia da Deputación da Coruña). O grupo municipal do BNG afirma que só negociará un goberno de coalición sen VPM. O PSOE afirma expresamente que se non se renova a confianza no alcalde, pasará á oposición, sen posibilidade de pacto posterior ningún.
- O PXOM apróbase –coa oposición do grupo municipal do PSOE- inicialmente con 60.000 alegacións dos cidadáns e forte contestación en determinados sectores afectados. Finalmente e a pesar das présas de BNG e PP, a estrategia dunha pronta aprobación pola Xunta do PP fracasan polo adianto das eleccións. Os graves erros do documento obrigan a importntes correccións polo que deberá facerse unha nova exposición pública

DATO en paralelo para explicarse o perfil mediático de VPM composto polo Faro de Vigo e Radio Vigo especialmente:

- VPM recorta drásticamente nada máis entrar na alcaldía os gastos de publicidade empregados por Castrillo e Príncipe na anterior corporación: 1.500 millóns de pesetas ó ano, dos cales 600 eran para Faro de Vigo, repartíndose o resto nos demais medios de comunicación (por exemplo, patrocinio de programas en Televigo). Estes gastos de publicidade realizábanse practicamente en exclusiva a través de dúas axencias de publicidade, unha por cada grupo político e inclúen dende os anuncios habituais ata campañas millonarias, subvención a suplementos e coleccionables, separatas, cuñas, programas de TV patrocinados, expositores na rúa e medios de transporte... ("O vigo do século XXI"...).

Os datos recollidos neste post poden cotexarse coas actas municipais publicadas na web do Concello de Vigo e coa consulta das hemerotecas.

Que cada un tire as súas conclusións

6 comentarios:

  1. Anónimo7/7/05 17:47

    Felicidades por este listado de feitos. Faro de Vigo, Radio Vigo, e Atlantico deberían copiar. Ventura Pérez mariño provocou na súa curta intervención na vida municipal o desenmascaramento dunha prensa non só subvencionada senón defensora dos intereses dos promotores inmobiliarios e das políticas máis retrógradas (incluido o grupo muncipal nacionalista)

    ResponderEliminar
  2. Anónimo7/7/05 19:12

    Á parte da necesaria lectura política de todo o ocorrido con Ventura Pérez Mariño, cómpre denunciar que houbo un caso "de libro" de acoso moral, absolutamente deleznable e penso que denunciable mesmo diante da xustiza. Supoño que a VPM non lle debeu resultar oportuno denunciar a Faro, Radio Vigo e Atlántico por mentiras e calumnias, pero non poden calificarse doutra maneira boa parte das actuacións destes medios e dalgúns dos seus impresentables "xornalistas", columnistas e opinadores de mediopelo a soldo variados.
    Pero seica así é Vigo.

    ResponderEliminar
  3. Algúns artigos de opinión de Faro e Atlántico sobre a retirada de Ventura son patéticos exemplos de ata que punto os medios de comunicación actúan baixo os dictados dos poderes económicos locais que temos o infortunio de padecer nesta cidade. Sin ofrecer a mínima calidade no seu traballo profesional (individualmente, pero tamén e máis nítido no resultado final dos propios diarios) e rozando o ridículo en canto á calidade e profundidade de análise política, indican un nivel cutre na cidade que parece incomprensible non se vexa superado.
    E semella haber para rato.

    ResponderEliminar
  4. O caso de Ventura é de libro, tal como se reflicte no valioso relatorio de agravios
    -aproveito para agradecer a quen o elaborou a paciencia, documentacion e magnifico traballo- e aparece como unha versión moderna da expulsion dos mercaderes do Templo.
    Tempo haberá para analizar as razóns do fracaso de esta única oportunidade de combater o "Palermo" vigués tan ben identificado polos comentarios que anteceden, pero apunto a incapacidade de VPM para construir unha equipa cando tan necesario era, as dificultades ou a desgana en/para articular unha resposta informativa á cidadanía das razóns do proceso de ruptura ainda non explicitadso por certo, (o laconismo educado da sua despedida é o derradeiro exemplo), a inxenuidade acerca da conveniencia de non abrir mais flancos que os imprescindibles (o asunto do galego foi inadecuadamente tratado na sua exposición e argumentación, ao meu entender), e a noxenta actitude de parte do PS de G mais interesado en alcanzar o poder perdido ainda a costa de vender novamente a Vigo na forma do seu urbanismo, atado de pés e máns.
    agora "Emilio Perez Mariño" ou "Ventura Perez Touriño" -que tanto tén- experimentará en carne propia a medicina nacionalista da que Ventura e o futuro de Vigo tiveron boa conta.
    Que carrrxe me da!

    ResponderEliminar
  5. Aínda dando por bo todo o anterior e aceptando a honradez e boa vontade de Pérez Mariño, sigo a consideralo inmensamente torpe nun eido fundamental: non soubo ou non quixo ou non puido transmitir aos cidadáns as circunstancias e as intencións do seu goberno. Un alcalde é un político, quéirao ou non, e debe actuar como tal. Por certo, non creo que o asunto do galego fose "inadecuadamente tratado na súa exposición". Sucede, simplemente, que VPM é un absoluto analfabeto nunha das dúas linguas oficiais de Galicia. Igual que Corina. E non tan lonxe de moitos ilustres persoeiros do BNG.

    ResponderEliminar
  6. O tema da cintura de Ventura xa está ben explicado neste brillante post. Acusar á victima dun acoso irresponsable a traicioneiro é parte da actitude de "algo faría" ou "é que vai provocando". ¿Qué máis dá a súa cintura ante os feitos? ¿Ou é que o empecinamento de Toba para manter a Rivas é cintura política? ¿Ou Figueroa ten moita habilidade política? ¿Ou Perly é unha xestora aceptable por ter tan bonita a mediana de Gran Vía? Mariño marchou cun coitelo nas costas e cravado por varias mans. Se non foi o megalider de masas para esquivalo presidiría a ONU e non significa que o merecera ou que "algo de responsabilidade tería".

    ResponderEliminar

Por favor asina cun nome de usuario (se estás rexistrado en google ou blogger) ou cun "nombre" (que xa sabes que pode ser un alcume.
Evita no posible usar anónimo.
Así debatiremos mellor.
Grazas.