IX ÉPOCA

6.7.05

Ventura Pérez Mariño: acoso e derribo

Datos para facerse unha composición de lugar de por que como e cando se iniciou a cruenta operación de acoso e derribo de Ventura Pérez Mariño (VPM):

- Na negociación do pacto previo á investidura, o BNG plantea a súa opción por Urbanismo e por un recoñecemento expreso do bo facer durante o mandato de Pérez Castrillo. O PSOE non acepta a cesión de Urbanismo e introdúcese no texto do pacto vagas alusións positivas ó goberno anterior, entre as que se encontra o recoñecemento do positivo PROCESO de redacción e consulta do novo PXOUM. O PSOE plantea a necesidade de UN só goberno de carácter "presidencialista" (A Lei de Réxime Local é fortemente presidencialista).
- Primeiro día do pacto: toma de posesión: VPM é abroncado e insultado publicamente por un grupo de asistentes ó Pleno de investidura, na súa maior parte afiliados do BNG. Entre os que abuchean está a muller de Lois Pérez Castrillo e a que ata hai uns días fora a secretaria particular (cargo de confianza pagado polo Concello) de Castrillo (antiga presidenta da Asociación Veciñal de Valadares). A razón: o alcalde non utiliza o galego no seu discurso.
- O decreto de delegacións tarda máis do habitual. Por primeira vez ese decreto faise conforme á legalidade cunha descripción exhaustiva das competencias que se delegan. O BNG fal públicas as súas airadas protestas
- VPM, tal e como se comprometera no pleno de investidura, propón rebaixarse o seu soldo nun 10% así como o dos concellais con adicación exclusiva. Os votos do BNG e PP impídeno. O alcalde, inmediatamente despois do pleno -en compañía dos seus concelleiros- anuncia que doará ó Concello o 10% do seu soldo, así como o 5% do dos concelleiros con adicación exclusiva. Gran bronca mediática do BNG e PP que acusan ó alcalde, entre outras cousas, de prepotente.
- VPM propón unha reunión diaria de coordinación do goberno ás 9 da mañán. Comentarios retranqueiros de Xabier Toba e negativa a reunirse por parte do BNG.
- Xullo, consello da Xerencia sobre as licencias no PERI Finca do Conde. O PSOE propón unha fórmula para evitar que a continuidade das licencias (despois de tres sentencias que anulan o PERI aprobado por Manuel Pérez) supoña un grave prexuízo futuro para ó Concello pola posibilidade de que se produzan indemnizacións multimillonarias no caso de que se fagan firmes as sentencias e se anulen xudicialmente as licencias concedidas. O voto en contra do PP e a abstención do BNG, impiden que a proposta saia adiante. APROIN presenta un recurso de reposición contra este acordo (que se verá en outubro, con nova abstención do BNG que provoca que as licencias continúen o seu curso). Mauricio Ruiz, concelleiro de urbanismo (PSOE) manifesta non comprender a postura do BNG que lle parece incoherente co que debera ser unha postura unitaria do goberno (o BNG tíñase manifestado reiteradamente contra a operación do PP-Finca do Conde). Xabier Toba (BNG) explica a súa abstención en que "é un asunto complexo".
- Citroen plantea a incompatibilidade do proxecto de Centro Comercial e novo estadio en Balaídos coa producción da fábrica, no momento en que se tramita no Concello de Vigo a posible modificación do planeamento para permitir a operación urbanístico-deportiva. VPM tras diversas consultas oponse a esta operación e plantea o estudio dunha reforma do campo actual. O BNG reacciona defendendo, como viña facendo ata o momento, a postura da SAD Celta (que conta co aval de Caixanova) e volve a acusar a VPM de prepotente.
- A SAD Celta esixe ó Concello que pague os gastos derivados da participación do equipo de fútbol na Champions. VPM oponse a tal pretensión e, apoiado nos informes xurídicos da secretaría xeral do Concello sobre o contido do convenio, indica que só se fará cargo dos gastos que corresponden á infraestructura do estadio (reparacións do sistema eléctrico). Castrillo é partidario do pagamento completo e propón como fórmula intermedia facerse cargo dese pagamento a cambio de 2.000 entradas. As descalificacións a VPM por parte do BNG e PP soben de tono.
- Setembro. O PSOE presenta unha proposta no Consello da Xerencia de Urbanismo para solucionar os graves problemas planteados coas cesións de parcelas na Bouza Sur á entidade Miraflores Vigo, SA en 1998 (Manolo Pérez) e ó lío xurídico que se producíu como consecuencia do contrato de permuta asinado a proposta do BNG co a entidade Miraflores SA polo que se pretendía salvar de edificación as parcelas da Bouza Sur a cambio dunha permuta con parcelas do patrimonio municipal (acordo que foi duramente criticado polo PSOE por pender sobre el unha posible sentencia contraria ó acordo de 1992 que logo se producíu efectivamente o 17 de xullo de 2003). A proposta inclúe a solicitude á Sala do Contencioso-administrativo da suspensión xurisdiccional do acordo de permuta asinado por Castrillo o 28 de abril de 2003. A proposta do PSOE apróbase só cos votos deste grupo. PP, BNG e PROVI absténense. Só dá explicación de voto Soto Ferreiro. (acta da xerencia en: http://hoxe.vigo.org/pdf/xerenciaurbanismo/CXU20030918.PDF).
- No mes de outubro trátase no Consello da Xerencia unha reclamación dos actuais propietarios da parcela do Colexio Cluny. A proposta do PSOE é non dar por válido o convenio asinado por Manuel Pérez nin o "preacordo" de novo convenio de 5 de maio de 2003, negociado entre os redactores do PXOUM (Consultora Galega) e a promotora (rebaixa da edificabilidade prevista no convenio de 1998) (Toba de concelleiro de Urbanismo). Esta proposta impide de feito as pretensións indemnizatorias da promotora e abre unha posibilidade real de manter a edificación do colexio actual e o seu uso dotacional público. Apróbase por unanimidade. Recoméndase unha lectura atenta da acta en http://www.vigo.org/pdf/xerenciaurbanismo/CX031009.PDF, especialmente no referente ó convenio pactado en maio de 2003 e explicación de voto de Toba Girón no que recoñece que a proposta de 5 de maio partíu do equipo redactor do PXOM.
- Selección do Xerente de Urbanismo. VPM advirte ó BNG que a elección de Xabier Rivas como Xerente, significará a rotura inmediata do pacto de goberno por consideralo unha inxerencia nunha área de responsabilidade do PSOE. Forte reacción do BNG negándose a tal posibilidade. Proposta de VPM ó BNG de renunciar a cadanseu candidato e pactar un terceiro. Negativa do BNG. No Consello da Xerencia decisorio sobre a elección, VPM solicita do BNG unha semana de prazo para achegar posturas. Negativa do BNG e votación. Cos votos do PP-BNG-PROVI, elísexe como Xerente a Xabier Rivas. Ventura Pérez Mariño asina de inmediato un decreto anulando as delegacións que correspondían ó BNG. As "descalificacións" persoais do BNG soben ó seu máximo nível ata o momento. Decreto de VPM polo que se establece a finalización dos salarios que os concelleiros do BNG percibían en razón dos seus cargos (cómpre aclarar aquí, contra o que se dixo que isto non é unha decisión voluntaria ou "castigo" engadido de VPM, senon unha obriga legal, pois o decreto de delegacións VINCULA o cargo ó salario. Se os seguisen percibindo -sen un novo acordo previo do Pleno- VPM incorrería en prevaricación).
- Unha carta de apoio a VPM asinada por unhas mil persoas de Vigo e publicada na prensa local, produce unha descalificación xeralizada por parte do BNG e PP dos asinantes. Acúsase mesmo a VPM de pagar persoalmente os anuncios, aínda a sabendas de que a súa inserción na prensa é costeada polos asinantes.
- O BNG síntese agraviado por non seren invitados polo alcalde á inauguración do novo Centro de Saúde do Casco Vello. O alcalde acode invitado polos promotores deste Centro: Consorcio da Zona Franca e Consellería de Sanidade, que, ó parecer, non cursaron invitacións ó resto dos corporativos. Castrillo afirma que era tradición no Concello que o alcalde fisexe extensiva as invitacións institucionais ó resto da Corporación. Acusa ó alcalde de "apropiarse" dos logros do goberno do BNG (acompáñase das habituais "descalificacións").
- O BNG e PP votan nun pleno, a proposta dos primeiros, un acordo "testimuñal" no que se solicita a "demisión" de VPM. Toba chama ó alcalde, entre outras cousas na súa intervención no pleno, "protofascista portanetista".
- Novo Trámite na Xerencia de Urbanismo para a licencia do Centro Comercial da Finca do Conde. VPM decide delegar a competencia na concesión desta licencia no Consello da Xerencia e presentar recurso contencioso a título particular (xunta con Mauricio Ruíz e Miguel Barros) contra acordos anteriores da Xerencia que permitían a continuidade das licencias, para evitar indemnizacións multimillonarias a cargo do erario público que produciría unha previsible firmeza das sentencias que anulaban o PERI F do C. A presentación deste recurso incompatibiliza ó alcalde e ós dous concelleiros para participar na votación da licencia, recaendo así a presidencia do Consello en Toba Girón. Os insultos pronunciados por Chema Figueroa, Castrillo e Toba adquiren o seu máximo nível.
- A actualización ó IPC das ordenanzas fiscais que fora aprobada inicialmente cos votos de BNG-PSOE e PROVI, é agora rexeitada na súa aprobación definitiva polos votos en contra do BNG e PP. Asóciase finalmente esta votación, por parte de VPM a unha cuestión de confianza. (Isto dá pé ó BNG para apoiar ó candidato do PSOE para a presidencia da Deputación da Coruña). O grupo municipal do BNG afirma que só negociará un goberno de coalición sen VPM. O PSOE afirma expresamente que se non se renova a confianza no alcalde, pasará á oposición, sen posibilidade de pacto posterior ningún.
- O PXOM apróbase –coa oposición do grupo municipal do PSOE- inicialmente con 60.000 alegacións dos cidadáns e forte contestación en determinados sectores afectados. Finalmente e a pesar das présas de BNG e PP, a estrategia dunha pronta aprobación pola Xunta do PP fracasan polo adianto das eleccións. Os graves erros do documento obrigan a importntes correccións polo que deberá facerse unha nova exposición pública

DATO en paralelo para explicarse o perfil mediático de VPM composto polo Faro de Vigo e Radio Vigo especialmente:

- VPM recorta drásticamente nada máis entrar na alcaldía os gastos de publicidade empregados por Castrillo e Príncipe na anterior corporación: 1.500 millóns de pesetas ó ano, dos cales 600 eran para Faro de Vigo, repartíndose o resto nos demais medios de comunicación (por exemplo, patrocinio de programas en Televigo). Estes gastos de publicidade realizábanse practicamente en exclusiva a través de dúas axencias de publicidade, unha por cada grupo político e inclúen dende os anuncios habituais ata campañas millonarias, subvención a suplementos e coleccionables, separatas, cuñas, programas de TV patrocinados, expositores na rúa e medios de transporte... ("O vigo do século XXI"...).

Os datos recollidos neste post poden cotexarse coas actas municipais publicadas na web do Concello de Vigo e coa consulta das hemerotecas.

Que cada un tire as súas conclusións

6 comentarios:

Anónimo dixo...

Felicidades por este listado de feitos. Faro de Vigo, Radio Vigo, e Atlantico deberían copiar. Ventura Pérez mariño provocou na súa curta intervención na vida municipal o desenmascaramento dunha prensa non só subvencionada senón defensora dos intereses dos promotores inmobiliarios e das políticas máis retrógradas (incluido o grupo muncipal nacionalista)

Anónimo dixo...

Á parte da necesaria lectura política de todo o ocorrido con Ventura Pérez Mariño, cómpre denunciar que houbo un caso "de libro" de acoso moral, absolutamente deleznable e penso que denunciable mesmo diante da xustiza. Supoño que a VPM non lle debeu resultar oportuno denunciar a Faro, Radio Vigo e Atlántico por mentiras e calumnias, pero non poden calificarse doutra maneira boa parte das actuacións destes medios e dalgúns dos seus impresentables "xornalistas", columnistas e opinadores de mediopelo a soldo variados.
Pero seica así é Vigo.

Tiago Louro dixo...

Algúns artigos de opinión de Faro e Atlántico sobre a retirada de Ventura son patéticos exemplos de ata que punto os medios de comunicación actúan baixo os dictados dos poderes económicos locais que temos o infortunio de padecer nesta cidade. Sin ofrecer a mínima calidade no seu traballo profesional (individualmente, pero tamén e máis nítido no resultado final dos propios diarios) e rozando o ridículo en canto á calidade e profundidade de análise política, indican un nivel cutre na cidade que parece incomprensible non se vexa superado.
E semella haber para rato.

Anónimo dixo...

O caso de Ventura é de libro, tal como se reflicte no valioso relatorio de agravios
-aproveito para agradecer a quen o elaborou a paciencia, documentacion e magnifico traballo- e aparece como unha versión moderna da expulsion dos mercaderes do Templo.
Tempo haberá para analizar as razóns do fracaso de esta única oportunidade de combater o "Palermo" vigués tan ben identificado polos comentarios que anteceden, pero apunto a incapacidade de VPM para construir unha equipa cando tan necesario era, as dificultades ou a desgana en/para articular unha resposta informativa á cidadanía das razóns do proceso de ruptura ainda non explicitadso por certo, (o laconismo educado da sua despedida é o derradeiro exemplo), a inxenuidade acerca da conveniencia de non abrir mais flancos que os imprescindibles (o asunto do galego foi inadecuadamente tratado na sua exposición e argumentación, ao meu entender), e a noxenta actitude de parte do PS de G mais interesado en alcanzar o poder perdido ainda a costa de vender novamente a Vigo na forma do seu urbanismo, atado de pés e máns.
agora "Emilio Perez Mariño" ou "Ventura Perez Touriño" -que tanto tén- experimentará en carne propia a medicina nacionalista da que Ventura e o futuro de Vigo tiveron boa conta.
Que carrrxe me da!

Veloso dixo...

Aínda dando por bo todo o anterior e aceptando a honradez e boa vontade de Pérez Mariño, sigo a consideralo inmensamente torpe nun eido fundamental: non soubo ou non quixo ou non puido transmitir aos cidadáns as circunstancias e as intencións do seu goberno. Un alcalde é un político, quéirao ou non, e debe actuar como tal. Por certo, non creo que o asunto do galego fose "inadecuadamente tratado na súa exposición". Sucede, simplemente, que VPM é un absoluto analfabeto nunha das dúas linguas oficiais de Galicia. Igual que Corina. E non tan lonxe de moitos ilustres persoeiros do BNG.

Pablo González dixo...

O tema da cintura de Ventura xa está ben explicado neste brillante post. Acusar á victima dun acoso irresponsable a traicioneiro é parte da actitude de "algo faría" ou "é que vai provocando". ¿Qué máis dá a súa cintura ante os feitos? ¿Ou é que o empecinamento de Toba para manter a Rivas é cintura política? ¿Ou Figueroa ten moita habilidade política? ¿Ou Perly é unha xestora aceptable por ter tan bonita a mediana de Gran Vía? Mariño marchou cun coitelo nas costas e cravado por varias mans. Se non foi o megalider de masas para esquivalo presidiría a ONU e non significa que o merecera ou que "algo de responsabilidade tería".