IX ÉPOCA

9.3.17

10 razóns polas que Abel Caballero non vai gañar as próximas eleccións municipais

Como todo o mundo vai decatándose, Abel Caballero non ganará as próximas eleccións municipais e estas son as 10 razóns que motivan ese resultado


1. Caballero ten unha forma antiga de gobernar. Todo xira arredor da súa persoa, non forma equipo e pasan os anos e segue rodeado dos mesmo fieis que practican unha obediencia acrítica. El é o ideólogo, gobernante e portavoz, monopolizando a imaxe e a comunicación. Vai en contra dos tempos de cooperación, liderados compartidos e formación de equipos.

2. A súa presenza enfermiza nos medios de comunicación é a maneira que ten de relacionarse coa sociedade. Para conseguir un trato preferente establece convenios de colaboración que na maioría dos casos son imprescindibles para a supervivencia de periódicos e emisoras. Impide así o desenvolvemento de medios de información veraces que sirvan á sociedade á que se dirixen.
3.Practica un populismo conservador e escasamente democrático simplificando a política mediante

  • a presentación dun enemigo exterior (a Xunta, antes tamén a Deputación, Zona Franca, antes tamén o Porto) como causante dos males da cidade.
  • A concentración de toda actividade nun líder único que establece o contacto directo coa sociedade (os programas tipo Aló Presidente se multiplican) .
  • O encabezamento de mobilizacións seleccionadas e situadas sempre cerca das convocatorias electorais. Son actos aillados que reforzan a súa imaxe.
  • A presenza en todas actividades da cidade donde a súa condición de alcalde vese transformada nunha continua campaña electoral . E todo isto ofrecendo unha imaxe de sacrificio da súa vida pola cidade.

4. Contribúe ao deterioro democrático impulsando un partido ancorado nas institucións con un sistema de recompensas en cargos e salarios para manter a fidelidade dos militantes. Trata de homologarse aos lideres históricos que manteñen unha gran influencia a base de esquivar o funcionamento democrático. Asi apoia a defenestración de Sanchez e cando participa en decisión democráticas, vese nenguneado polas bases (no caso do seu candidato Méndez Romeu e, posiblemente, o mesmo lle pasará con Susana Diaz.) Ignora a unha chea de socialistas que hai tempo cansaron de lle rir os seus chistes xurásicos.

5. Non ten un proxecto de cidade de futuro. O seu urbanismo non existe. Emprega o mesmo un PXOM mal elaborado que unha lei de excepción “ “ad hoc”. Limítase a “conservar” a vella cidade a traveso das humanizacións e engade algunhas “imitacións” como a cidade vertical. O seu modelo de cidade ven converxendo co do PP: ambos ven unha cidade adicada a servizos turísticos. Non hai resposta á previsible crise da industria que cada día avisa da súa presenza.


6. Vigo está quedando fora dos movementos de transformación política que están acontecendo en multitude de cidades. Non participa nas redes que están conformando unha nova institucionalidade deixando atrás as vellas (deputacións, federacións ). Mentras outros equipos de goberno eficaces practican un goberno multinivel conscientes que o localismo é un atraso, Caballero segue encerrado nunha confrontación con réditos electorais dubidosos. Tampouco mostra interese pola recuperación de servizos básicos privatizados que ven acontecendo en toda Europa.


7. Vigo vive no atraso. Os problemas do século XXI non existen para Caballero. A cidade non encara problemas como a degradación medioambiental, o problema de un transporte sostible ou o cambio climático. Herdeiro do peor das políticas dos 80s, a cidade mata a canonazos problemas como a depuración con instalacións megalómanas que aumentan a vulnerabilidade da cidade.


8. A educación para Caballero redúcese a unha foto cos bolseiros que van aprender inglés e co mantemento de -outro servizo privatizado – escolas infantís. Sen embargo, non hai iniciativas para diminuír a fenda dixital, un serio obstáculo para a mobilidade no emprego e para a participación democrática. O mundo dixital non existe na cidade de Caballero que encerrado na súa maioría absoluta, ignora os novos mecanismos de empoderamento dos cidadáns.
9. O poder xustifica os medios. Esta é a máxima que preside o goberno de Caballero no terreo ideolóxico. Nen un impulso ao laicismo que demanda a diversidade da cidade. Segue comprometendo á Alcaldía de todos en actividades e crenzas de algúns. As procesións e símbolos son xustificadas con argumentos dos partidos conservadores.


10 Por último, os datos electorais indican que nas dúas últimas eleccións,Caballero quedou relegado á terceira posición na cidade. O ritmo de desaparición do bipartidismo acelérase. Sen dubida, está é a última maioría de Caballero. 

 

5.3.17

Queremos o Vigo fermoso orixinal; non a réplica

É humillante para Vigo isto de poñernos unha réplica. Por que non devolven, como corresponde por ser o seu lugar de orixe, o orixinal do tímpano románico da antiga igrexa de Santa María para que se exhiba no Museo municipal de Castrelos, xunta co resto da colección arqueolóxica? Por que Vigo ten que conformarse cunha copia de algo que pertence á historia propia?. Por que a orgullosa viguesa Carmela Silva, presidenta da Deputación e o orgulloso pontareano-vigués Abel Caballero non deciden, agora que poden, darnos aos vigueses o orixinal que está no Museo de Pontevedra en lugar de darnos só o enganoso premio de consolación dunha copia?

Porque esa é a súa concepción da política: dá igoal a importancia real do que se faga. O importante é envolvelo convenientemente para enganar á poboación con artefactos que parezan  auténticos pero que son mera taxidermia.

É como o da "cidade fermosa": unha cara montaxe artificial que agocha o abandono da real.

Sí. Vivimos nunha cidade fermosa: a auténtica. A das casas primorosamente labradas en pedra, a das xentes que constrúen co seu traballo cada día a vida, a da praia de Samil á que este goberno négalle librar a súa belleza do muro e paseo da vergonza, a do abandoado rueiro do Casco Vello en perigo de transformarse en parque temático... a cidade que ten un eterno e precioso litoral inaccesible para os paseantes.... a cidade da vella resistente oliveira, replicada ata a saciedade por caras centenarias árbores, arrincadas da súa paisaxe orixinaria aos seus auténticos pobos olivareiros, mercadas aos amigos e horrorosamente mutiladas en bonsai...
É fermosa polas fachadas pétreas que enorgulleceron décadas aos vigueses polo coidado labrado dos seus canteiros e mestres de obra; si, esas que cada dia se deterioran máis ou son gravemente alteradas por engadidos ou chiringos terraceros montados nos seus nobles baixos. Non, non é fermosa por gastar centos de miles de euros na cosmética falsa da decoración de medianeiras

É esa cidade, realmente fermosa, que nos agocha a soberbia trileira e ridícula de Abel e dos seus palmeiros, mentres nos persuaden, con millonarias subvencións ao Faro de Vigo e á SER, que a fermosura é o que eles fabrican para disfrazala e non a súa allada e abandoada pel auténtica.

Esta cidade é fermosa polo auténtico, non polas próteses, as macetas, as floreciñas de tempada, arboriños, maciciños, dinosetos, trampantoxos e mentirosas réplicas variadas de @abelcaballero (non incluímos aquí a responsabilidade do resto do "goberno" municipal, porque eses e esas concellais e concellalas renunciaron hai tempo á súa personalidade para convertírense en malas réplicas, afectadas dun extrano e aterrorizado, aínda que nutriente, síndrome de Estocolmo)

Si. Queremos este Vigo fermoso: o orixinal. Comecemos por reivindicar a belleza da epifanía do tímpano pétreo da igrexa románico-gótica de Santa María de Vigo: a de verdade.
Unha "epifanía" que rescate das mans esquineras de Abel Caballero a nosa auténtica identidade e o noso futuro.