IX ÉPOCA

3.10.16

O proxecto da Universidade para O Berbés, ou como a legalidade é só para algúns

A Universidade de Vigo vén de presentar, con despregue de medios, o seu proxecto para a instalar no vello e maltratado barrio do Berbés unha das súas sedes. O proxecto coñecido estes días, e loubado sen máis análise nin crítica polos medios de comunicación locais, non resposta nin social, nin urbanística, nin legalmente, ás necesidades de rehabilitación e rexeneración do Barrio mariñeiro.


1. Como xa temos comentado repetidas veces, a estratexia de convertir o Casco Vello nun recipiente de equipamentos públicos, produce o efecto contrario ao da rexeneración, ao convertilo nun espazo burocratizado, no que a vida urbana normalizada verase substituída por actividades sometidas a horario e sen repercusión real sobre a vida social e económica real do lugar. O Casco Vello é xa un barrio que combina a ruina do caserío cunha brutal terciarización hosteleira e cunha presenza concentrada e desmesurada de equipamentos públicos sen conexión coas necesidades do barrio. Insistimos que todos e cada un dos edificios a rehabilitar deberían adicarse a vivenda, único uso que garante a diversidade urbana e xera actividades económicas de proximidade. Xa o PEPRI do Casco Vello recoñece a sobresaturación na área do barrio histórico de equipamentos para servizos xerais, afirmando que os recursos públicos deben ser utilizados na dotación de equipamentos de ámbito e funcionalidade de área local (escolas, centros cívicos e sociais...).


2. Arquitectonicamente o proxecto obvia a pre-existencia, racha coa xa deterioradísima imaxe tradicional da fronte mariñeira, substituíndo as fachadas e cubertas propias do lugar (e que son perfectamente coñecidas por miles de documentos gráficos e pola propia materialidade das ruinas) por estructuras contínuas en fachada que nada teñen que ver nin con esa imaxe, nin coa construcción tradicional, que é o valor que preserva a declaración de Conxunto histórico desta zona. O argumentario dos redactores da coincidencia coas antigas barcazas resúltanos unha excusa ridícula e descarada para deixar unha impronta pretendidamente contemporánea ("rompedora" e "novidosa" di o Faro), onde xa existe un deseño previo recoñocible e reproducible. En rehabilitación é perfectamente sabido que a reconstrucción e reproducción de elementos coñecidos da edificación non é contraria á canónica intervención arquitectónica e nada ten que ver co pastiche, senon co recoñecemento e valoración da preexistencia.



3. O proxecto incumpre descaradamente a normativa de obrigado cumprimento do instrumento urbanístico vixente para a zona: o PEPRI Casco Vello, ao que tanto os particulares como as Administracións públicas están sometidos. Non cumpre nin nas cubertas -que teñen que ser independentes para cada edificio, e a dúas augas-, nin coas fachadas -formas e materiais-, nin co parcelario, e destrúe, cando non está permitido, os muros medianeiros. Semellante violación da legalidade xa se deu na mal chamada rehabilitación do Pazo de Arias Taboada para Pinacoteca, no barrio da Ferrería (agora efemisticamente chamado Barrio Alto -supoñemos que para evitar a identificación que para todos os vigueses ten Ferrería con prostitución: aínda que o nome nos remita aos vellos oficios artesanais presentes no barrio), no chamado Centro Galego de Fotografía (?) ou nos edificios para o Rexistro da Propiedade, na rúa Real.  Da mesma maneira que o Concello incumpríu radicalmente o PEPRI nas re-urbanizacións realizadas polo bipartito do BNG, nas que se destrozaron (con cargo ao maná do Plan-E) os pavimentos tradicionais recentemente restaurados polo programa URBAN-Casco Vello.


Para demostrar documentalmente o incumprimento da normativa no proxecto presentado pola Universidade de Vigo, publicamos -deferencia do noso amigo Xoan Sobreira- diversas imaxes e fichas do PEPRI que falan, por si mesmas, da súa ilegalidade. Xulgade por vós mesmos: