IX ÉPOCA

27.9.16

O alcalde agocha a verdade sobre o peche do Laboratorio Municipal de Vigo

Amplía, descarga, comparte, imprime, difunde!
Co discurso de que o Laboratorio municipal non está pechado, senon que se está reorganizando dentro da Concellería de Medio ambiente, --cando realmente dixárono sen actividade ningunha e con todo o seu persoal repartido noutros servizos municipais-, o alcalde só tenta gañar tempo para que a polémica se dilúa, desmobiliazar aos traballadores, que pase o prazo de recurso contra os traslados forzosos e, mesmo, que se poidan aprobar os novos orzamentos municipais para, de rondón, liquidar presupostariamente, pola porta de atrás, este servizo municipal.

Esta estratexia dilatoria e enganosa do alcalde viuse trastocada días atrás por circunstancias que non valorou, ao prolongarse a tempada de praias, estar preto das eleccións e producirse unha contaminación microbiolóxica en 6 areais vigueses. A emerxencia tivo que ser solucionada trapalleiramente, coa revocación temporal do decreto de traslado a un analista e á xefa do servizo, para que poidesen realizar as análises contrastadas coas da Xunta e poder abrir as praias antes de que a opinión pública se lle botase enriba.

Pero o proceso privatizador segue en pé, coa probable supresión do programa presupostario nos orzamentos de 2017 que, co baleiramento de persoal, darán a puntilla a este centenario e imprescindible servizo público. Unha vez rematado o torticeiro proceso de peche en marcha, enganados os traballadores, as funcións que realiza o Laboratorio serán adxudicadas a unha empresa privada e pecharanse, xa sen retorno, as dotadas instalacións do primeiro soto da Casa do Concello.

Probablemente perderase xa non só un servizo con funcións medioambientais e de saúde pública moi importantes -cunhas inormes capacidades de crecemento e de mellora de integrarse na rede de saúde pública da área metropolitana e mesmo da Xunta de Galicia-, senon tamén desaparecerá a cara aparataxe técnica e o importantísimo patrimonio histórico material que atesoura, con aparellos de colección que se remontan aos comezos da súa actividade.

O destino destes bens históricos é outra das incógnitas que nonos desvelarán: apodreceran e desaparecerán por consunción nalgún almacén? irán ao lixo? serán subhastados ao mellor postor,  como fixo o Concello de Málaga cando privatizou o seu Laboratorio Municipal?

Agora é o momento de activarse, difundir esta petición e facer a forza necesaria noutros ámbitos para revertir os plans privatizadores da alcaldía viguesa, transformando esta crise nunha oportunidade de ampliar e optimizar un servizo público que, dende a racionalidade e a eficiencia, ten unhas grnades posibilidades de ser unha peza imprescindible nunha política de medioambiente e de sanidade pública auténticamente ao servizo dos intereses xerais.