IX ÉPOCA

6.2.16

A "política" de Persoal do Concello de Vigo ao descuberto

Javier Pardo, concellal de Persoal
Algúns coñecedores da estructura profunda do Concello de Vigo sábeno dende hai tempo: a "política" de Persoal, dende hai moitos anos, está inzada de irregularidades graves e do incumprimento sistemático da norma en materia de carreira administrativa, vulnerando os principios de publicidade, mérito e capacidade no acceso á función pública que consagra a Constitución Española.

A novidade é que, por primeira vez, e  nas últimas dúas semanas, un sindicato e unha asociación cidadá decidiron pasar das sospeitas á acción:
Esta "política" de Persoal recollida nas denuncias e moito máis que, esperemos, continúe salindo á luz pública, é, a pouco que observemos a práctica dos distintos gobernos municipais das últimas décadas, funcional, non aos intereses xerais, como demanda a legalidade vixente, senon aos particulares intereses do goberno de turno. A práctica sistemática de ceses e nomamentos arbitrarios (especialmente aumentada cos gobernos de Abel Caballero), coa única motivación expresa da "reorganización administrativa",  a adscripción nas xefaturas de persoas próximas ao partido gobernante ou obedientes con el, a retirada ao ostracismo de técnicos de recoñecida competencia profesional, o reparto de productividades e aumentos de complementos retributivos con incomprensibles "motivacións", serviron e serven para apuntalar no poder o máximo tempo posible aos que gobernan e a facilitar a súa xestión.

Non é casualidade que ata hai ben pouco, por exemplo, Caballero se resistise a cesar a un interventor que prolongaba a súa non motivada interinidade (carecía da categoría adecuada ao posto) máis alá dos prazos legais; unha situación só explicable porque o tal funcionario era próximo ao PSOE (fora concelleiro deste partido en Nigrán).

Parte desa política de Persoal, especialmente lacerante, é a vinculada cos variados "plans de emprego" municipais, sobre os que pesan, dende hai moito tempo, dúbidas da súa imparcialidade na selección dos traballadores beneficiarios dos mesmos. As documentadas denuncias do ex-alcalde Carlos Príncipe, parece que veñen corroborar a sospeita dun nepotismo habitual na contratación de traballadores no Concello.

Nin que dicir ten que tamén esta práctica, chamémoslle, irregular, funciona no que respecta ao persoal das concesionarias, como, entre outros, o denunciado caso da cuñada de Carmela Silva -polo que está investigado (antes imputado) o concelleiro de Emprego Santos Héctor-, ou do presunto enchufe da esposa de Santiago Domínguez nunha gardería municipal, que podería ter servido para abrandalo na negociación dos orzamentos municipais de 2012.

É, pois, unha boa nova que un sindicato rache co interesado "pacto de silencio" que parece dominar a actividade sindical no Concello de Vigo e se decida a denunciar, polo administrativo e o penal (cun encomiable rigor legal), a inaturable situación dunha plantilla municipal modelada, non para servir con legalidade e eficacia os intereses xerais, senon, polo que parece, os inmediatos do partido que  goberna. Os sindicatos municipais, con algunhas persoas que levan lustros liberadas para exercer como delegados na 5ª planta da Casa do Concello, reproducen a mesma práctica clientelar, preocupándose só de favorecer aos colectivos de traballadores máis numerosos (policía local, bombeiros, porteiros dos Colexios...), que son os que garanten, cada convocatoria de eleccións sindicais, a súa reelección, e cubrindo á vez cun cómplice manto de silencio os casos de ceses e nomeamentos a dedo na estructura técnica e directiva do Concello.

Dende Vigoblog estamos convencidos de que será imposible un cambio real no Concello de Vigo, mentres non se actúe con decisión e plena legalidade na entrampada estructura do Persoal do Concello de Vigo, facendo reinar os principios constitucionais de publicidade, igoaldade, mérito e capacidade no acceso e promoción á función pública. Xa saben os da Marea de Vigo onde comezar.