IX ÉPOCA

26.6.14

O auditorio Mar de Vigo, 9 anos despois

Era outubro de 2005: Vigoblog facía a súa primeira entrada sobre as primeiros pasos do que logo se chamará Auditorio e Pazo de Congresos Mar de Vigo. Logo fixemos moitas máis: analizamos o proxecto, propuxemos alternativas, describimos e denunciamos o escuro proceso de concesión e os incumprimentos sistemáticos das condicións recollidas nos pregos, laiámonos da cativa programación... moitas liñas escritas e sentimos, de verdade, que o tempo nos dese a razón en todo o comentado. A realidade, de feito, superou con creces as nosas piores previsións e hoxe, a mole de Beiramar é un custosísimo morto no medio da nada.

Unha nada aínda maior, pois nestes nove anos, ao abeiro da crise económica, da tremenda xestión do empresariado vigués e das destructivas medidas contidas para a zona no PXOM, vimos desaparecer primeiro o edificio de Casa Mar -primeira víctima do despropósito-, despois Cordelerías, Frigoríficos del Berbés, Pescanova, Frigodis... inormes edificios industriales, na súa maior parte de interese patrimonial, hoxe patrimonio das ratas.

Hoxe, o edificio de César Portela, que debía ser público e é completamente privado no seu uso e xestión, é unha concesión deficitaria á UTE SACYR-Caixanova (?- Gupo Puentes. Unha concesión que costou moitos millóns de euros aos vigueses na merca e compensacións á propiedade (finalmente aos sindicatos), no proceso de concesión, ao incumprírense os termos do prego de condicións repetidamente, e mesmo antonte, ao aportar novamente o Concello 5 millóns de euros de compensación e ampliar a xa esmorecente concesión. Unha concesión que o Concello de Vigo se verá na obriga de volver a equilibrar con aportacións millonarias, tendo en conta que todas as previsións de explotación da parte comercial son un absoluto fracaso e que a actividade do Auditorio-Pazo de Congresos é ridícula. Todos, agás a parte privada -blindada polo contrato de concesión- saimos e sairemos perdendo.

Un Auditorio e Pazo de Congresos que supón e suporá unha carga que nos vai semellar eterna aos cidadáns sen que, a cambio, podamos disfrutar dos seus servizos e das súas actividades (o Concello, por toda compensación, ten dereito ao uso gratuito do Auditorio 30 días ao ano). Por non extendernos máis, remitímonos tamén á lectura das clarificadoras entradas que sobre este tema publica no seu blog o ex-alcalde de Vigo Carlos Príncipe, coñecedor de primeira man de todo o proceso e que decidíu non ter pelos na lingoa ao falar e declarar sobre este tema.

Agora o alcalde pretende realugar os espazos privados instalando alí, con pagamento con cargo ao presuposto municipal correspondente ao prezo do mercado, claro, equipamentos e actividades públicas. Pagaremos por enésima vez polo mesmo, nunha operación que consideramos, polo menos, irregular.

Hoxe, coma se pasasemos casualmente por alí, voltamos a visitar a web do Auditorio. Para convencernos de que, a pesar de todo, polo menos, unha programación de interese e un uso congresual podería compensar o noso desacougo. Pois non: entre xuño e outubro de 2014, oito espectáculos, na súa maior parte de moi discutible calidade cultural, e ningún congreso.
O que comezou con Bob Esponja, continúa na mesma liña, con tendencia descendente. Aínda lembramos as primeiras discusións sobre as grandes óperas que virían e sobre se se poderían realizar sen foxo nin cuncha acústica!

Difícil solución ten este inorme embrollo no que nos meteron Corina Porro e Abel Caballero. As oportunidades de facer un equipamento público de calidade, situado nun contorno razoable e que servise como elemento impulsor da cultura e o turismo en Vigo, perdéronse o mesmo día no que os que estaban obrigados á defensa do público, puxeron por diante dos intereses xerais, os intereses privados de Caixanova e SACYR. Unha vergonzosa  e ruinosa operación (para o pobo de Vigo, non para eles) que requeríu dunha hábil imaxinación contable de oportunos informes externos e de coxunturais firmones internos.

Que pecado cometeriamos os vigueses para merecer isto!... se cadra, o noso maior pecado foi a indiferencia e un esgotado viguismo que como unha cortina de fume para agochar interes particulares amparados na suposta defensa inmanente dun Vigo que non existe, leva décadas prexudicando gravemente á nosa cidade, e que hoxe volve a ter, como renovado adalid á procura de votos inxenuos, a Abel Caballero.

Deus nos colla confesados...


21.6.14

A nova concesión do Jonathan en Samil: unha escandalosa operación que hai que parar

Samil nos anos 70, en marea alta: dunas, piñeiral e chiringos
Samil despois nunha das fases da urbanización
Tanto o PXOM de Vigo como o desexado -e pendente de financiamento- proxecto de rexeneración integral de Samil, realizado pola Dirección General de Costas do Ministerio de Medio ambiente, prevén a recuperación da zona dunar desta praia, mediante a desaparición e retranqueo do paseo e de toda a área de servizos deportivos, de ocio urbano e hosteleiros que entre os anos 70 e 90 do século pasado foron construidos destruindo unha área de especial valor paisaxístico, ecolóxico e natural.

O muro de Samil recén contruido (arquitecturavigo.com)
A execución dese proxecto xa redactado, non é só unha cuestión de xusta  e razoable recuperación dunha área natural degradada, senon que tamén é a única garantia de existencia futura desta praia, que sofre unha perda irreversible -de manterse as condicións actuais- da superficie e potencia de area, erosionada pola acción do mar e dos ventos dominantes sen posibilidade de rexenerarse como consecuencia da urbanización da súa zona natural de reserva dunar. Así o recoñece a Universidade de Vigo:

La recuperación del sistema dunar de Samil, según expertos de la Universidad de Vigo consultados por este periódico, es directamente imposible si se mantiene la urbanización actual (paseo, piscinas, pistas deportivas...) aunque sea 20 metros atrás. Habrá mayor espacio para el acomodo de la arena, pero los resultados no diferirán de los actuales, salvo por el hecho de que la playa tendrá más superficie. Serían necesarios no menos de 50 metros y considerar otras variables, como los vientos, la vegetación dunar o la restauración de las coberturas originales, para que el espacio pudiera regenerarse en la plenitud de su dimensión dunar, según las mismas fuentes.

O propio alcalde Abel Caballero comprometeuse publicamente a executar progresivamente as previsións do proxecto, mesmo dicindo que se iniciaría en 2009, cuestión que semella ter esquecido, a pesar de que a viabilidade é,  agora, co remate de dúas das máis importantes concesións privadas sobre a praia, moito máis clara cá naquelas datas.

Un dos elementos que representan unha maior dificultade para a execución dos proxectos de rexeneración é a existencia de concesións adminitrativas de explotación mercantil a empresas hosteleras privadas con edificacións situadas sobre a desaparecida zona dunar: restaurante As Dornas (finalizada), Camaleón (finaliza en 2019), San Remo (en 2025) e Jonathan (finalizada por falecemento da súa titular). As áreas de equipamento deportivo público situadas na desembocadura do Lagares, foron tamén obxecto de estudo polo Concello de Vigo, para recuperar este singular espazo, polo que non deberían supoñer maior problema que a vontade política e a procura de financiamento.

Karina Falagan nunha das fotos na fachada do Jonathan
O derribo do restaurante As Dornas e a finalización da concesión do Jonathan abren a posibilidade real de execución, canto menos progresiva, do proxecto de Costas e das previsións do PXOM.
Sen embargo, as actuacións do Concello de Vigo, semellan non ir nesta dirección e apuntan a unha estraña estratexia de mantemento das condicións actuais de equipamentos, obviando calquera lóxico planteamento de rexeneración e consolidando a insostible e irracional situacióna actual.

Por unha banda, o fin da concesión e derribo do restaurante As Dornas non traerá, como lóxica consecuencia, a ampliación do areal nesta zona, pois o que se construirá polo goberno municipal de Abel Caballero na área que ocupaba o restaurante será máis do mesmo -ao mellor estilo dun dos maiores nemigos da praia de Samil, o que foi concelleiro tránsfuga por excelencia, Agustín Arca, xa falecido-: unha "zona verde", en lugar de máis praia. Con só asomarse á zona de demolición das Dornas, pódese doadamente comprobar o fácil que sería a recuperación da praia unindo esta zona coas incipientemente recuperadas dunas da praia do Cocho das Dornas: a poucos centímetros dos alicerces da derruida edificación, aprécianse varios metros de finísima area que só espera ver o aire para incorporarse á praia.
Samil, 1960 (arquitecturadevigo.com)

Por outra, e o que resulta máis grave aínda, polo de incoherente e irracional -por non dicir claramente, sospeitoso- é o concurso de nova concesión hostelera para o edificio do antigo Jonathan, que acaba de ser publicado no Boletín Oficial de Pontevedra e na web do Concello de Vigo.  Nada menos que, no contexto de planeamento que vimos de comentar, unha concesión a 30 anos!!, que hipoteca a calquera goberno municipal que decida executar os proxectos de rexeneración deseñados pola Dirección Xeral de Costas e polo propio PXOM e condena á praia a continuar o seu proceso de degradación.

O que valeu para derribar As Dornas, non vale agora, para o goberno de Abel Caballero, para derribar tamén o Jonathan. Por máis voltas que se lle queira dar, resulta imposible atopar argumentos racionais e de legalidade de fondo para este Concurso que, de ser executado, suporá hipotecar por un período de 30 anos (se nono come antes o mar) a posibilidade de eliminar o paseo e recuperar a praia. Eliminado o exercizo da razón que se deriva da defensa dos intereses xerais, aos que debe estar suxeita calquera actuación das administracións públicas, só queda pensar en que hai poderosos intereses privados que alimentan a decisión de Abel Caballero de renunciar, deste xeito, ao comprometido publicamente, aos mandatos do seu propio planeamento urbanístico e aos máis elementais principios de sostibilidade medioambiental.
Descoñecemos, e preferimos aínda non facer caso ás nosas sospeitas, quen alimenta a sorprendente decisión de executar semellante despropósito, máis alá dos concelleiros do grupo de goberno e de calquera vontade de servizo público.

Só nos queda facer un chamamento a parar esta barbarie; primeiro, aos partidos que, en teoría, exercen a oposición actualmente no Concello de Vigo (PP e BNG); pero, tamén, especialmente, a aqueles que aspiran lexitimamente a gobernar no futuro próximo esta cidade: AGE e Podemos e, naturalmente, as asociacións ecoloxistas, foros de opinión e habituais analistas sociais,  que, agás contadas excepcións, non teñen amosado, aínda, a súa opinión.

Queremos, dende aquí, facer un chamamento público á responsabilidade de todas aquelas persoas e entidades para que fagan pública a súa defensa da rexeneración da nosa praia e amosen a súa oposición firme contra o mantemento da concesión do Jonathan e a reurbanización da área deixada libre trala demolición do restaurante As Dornas.

Por parte dos partidos e movementos sociais, é hora non só de poñer en marcha accións reivindicativas e públicas de oposición, senon tamén, de iniciar, antes de que sexa demasiado tarde,  os recursos legais que paren o proceso de concesión e devolvan as cousas ao ámbito do racional e dos intereses xerais.

Non valerá lamentarse logo e chorar, neses exercizo necrófago infelizmente tan repetido polos vigueses, pola cidade que se perdeu.

Pola rexeneración integral da praia de Samil: ¡Demolición do edificio do Jonathan! ¡Gañemos espazo para a praia!¡Non á "humanización" da zona dunar! ¡Área das Dornas para praia e non para "xardín"!

Recolleita de sinaturas en Avaaz-org polo derribo do Jonathan e a rexeneración da praia de Samil

Referencia recomendada sobre Evolución histórica das actuacións en Samil con especial referencia ás previsións sobre a praia no PXOM vixente (arquitecturadevigo.com)

11.6.14

Por unha política de equipamentos culturais en Vigo

Se afirmo que seguir empregando fondos para abrir un Centro de Fotografía de Galicia no Casco Vello é un despropósito, máis de un botarase as mans á cabeza. Acalmarase algo se lle digo que tal equipamento é só unha ocurrencia dalgún concelleiro ou asesor do BNG nos tempos nos que gobernaba co PSOE en Vigo. Ocurrencia amparada no reparto naquel bipartito con Alcaldía e Tenencia de Alcaldía, dos cuantiosos fondos do Plan E e na circunstancia de corresponderlle ao BNG como "territorio" o Casco Vello.
Será máis fácil de entender a miña postura, se se pensa que a outra gran ocurrencia dese bi-goberno BNG, foi a Pinacoteca. Unha ocurrencia lucrativa para algúns coñecidos de Santiago Domínguez, que, sumando así a la brava, irá polos 4 ou 5 millóns de euros.
Nada e en ningún sitio recollía tales accións de goberno: nin no planeamento, nin en ningún estudo o estratexia previa; había diñeiro, e había que gastalo o mellor posible.
Pero, diranme vostedes, puido ser unha boa ocurrencia...
Vexamos: a Pinacoteca debilitou, se é posible facelo aínda máis, o Museo de Castrelos, trasladando a modesta, aínda que pomposamente autonomeada "Mellor colección de arte galega",  a un local inapropiado e carente dos mínimos imprescindibles para ser chamado nin tan sequera colección visitable. Despois do tempo que pasou dende a súa apertura, o seu persoal redúcese aos seguratas e a un funcionario que ostenta o fantástico posto de "Xefe do servizo da Pinacoteca": sí, créanme, un servizo sen persoal propio, pero con xefe cobrando por isto.
Poderiamos pensar que, bueno, a fin de contas, depende do centro-nai, o Museo de Castrelos que suplirá cos seus medios persoais os que lle faltan á pinacoteca. Pois non: en Castrelos o persoal repítese: outro "xefe de servizo" -o Director-, una técnica moi especializada, Mapi Egea --ben coñecida pola súa experiencia en axencias de publicidade amigas de Corina--, e un par de administrativos e... outra vez os seguratas. Non, non hai nin un mísero conservador de pintura ou de arqueoloxía, as dúas coleccións do Museo.

Dende Vigoblog crémos que é imprescindible poñer  orde ao despropósito do equipamento cultural na cidade. Estamos seguros que pouco se logrará con comisións de expertos -que, maiormente, nono son-, nin con decisións erráticas e duplicidades.
A política de equipamentos culturais, no que se refire ao seu principal referente urbano no Centro de Vigo, pasa por ordear o puzzle existente, no que son pezas importantes o MARCO e os dous Centroa culturais substraídos aos cidadans polo Banco herdeiro da Caja de Ahorros Municipal de Vigo, rescatado polo Estado e vendido ao mellor postor. Por esbozar só algunhas ideas que irmos desenvolvendo noutras entradas:
    - Integrar os fondos dos arquivos fotográficos (Pacheco, Vigovisións, Llanos...) e da colección de arte actualmente na Pinacoteca, no MARCO, formando a súa colección permanente. Os edificios da Pinacoteca e do nonnato Centro Galego de Fotografía, reformalos para vivenda social. Ampliación e dotación adecuada do Museo de Castrelos como Museo da Cidade.
    - Integrar a colección de arte galega da antiga Caja de Ahorros Municipal de Vigo no MARCO. A fin de contas: ¿quen, senon o pobo de Vigo, pagou a súa merca?.
    - Reforzo do carácter de sala de exposicións temporais institucionais da Casa das Artes
    - Devolución ao patrimonio público do Centro García Barbón e do Centro Social Caixanova (Policarpo Sanz). O primeiro, para a súa municipalización e programación cultural do Concello, escolas de música e iniciativa sociocultural. O segundo, cedéndoo, trala súa municipalización, en réxime de autoxestión, aos colectivos e iniciativas culturais de base da cidade, ao estilo de centros deste tipo existentes noutros lugares (ao estilo da Tabacalera madrileña o do desaparecido Tacheles berlinés, por poñer só un par de exemplos).
    - Dotación dunha colección permanente ao Verbum, mediante a súa reconceptualización dende a súa aburrida exposición virtual a Museo da Comunicación con obxectos reais e estructura e programación axeitada. As coleccións accesibles neste momento xa serían:
  • Colección que existía nas instalacións da ETEA, de obxectos, aparelllos e documentos  relacionados coas telecomunicacións da Armada, hoxe repartidos entre Ferrol, Museo do exército (páxina 70 do enlace) e Club Marinetea
  • Colección de máquinas de escribir de Sirvent, que así atoparía un lugar idóneo onde exhibirse permanentemente
  • Colección de máquinas de tipos dalgunhas das imprentas de Vigo que desapareceron nos últimos anos; creación dunha Imprenta clásica municipal para edicións especiais
  • Colección de El Pueblo Gallego, actualmente no arquivo municipal e do Faro de Vigo (que podería depositar esta empresa); coleccións de revistas ilustradas existentes nas hemerotecas da Fundación Penzol e Escola de Artes e Oficios
  • Répicas das pedras epigráficas (estelas e aras do Museo de Castrelos), como referencia das primeiras escrituras viguesas coñecidas
Por que non comezamos por reivindicar a xusta devolución ao pobo de Vigo dos Edificios culturais da desaparecida Caja de Ahorros Municipal de Vigo e da súa rescatada herdeira Novacaixagalicia?

10.6.14

Gatos

Tamén unha cidade mídese, como o propio ser humano, polo respecto que ten á natureza e aos animais  que tradicionalmente temos aceptado que nos acompañen no espazo urbano.
O caso da situación da poboación gatuna é todo un síntoma da incompetencia, falta de sensibilidade e mala práctica do goberno municipal vigués.
Azuzados por veciños incapaces de comprender que estes animais non teñen por que ser unha molestia senon, ben ao contrario, un valor urbano; en ausencia dunha política e programa explícito para a xestión das colonias urbanas de felinos existentes na cidade, Chus Lago, despois de moitas presións, accedera a poñer en mans dunha asociación sen ánimo de lucro, Proxecto Gato, a responsabilidade global da ordeación deste aspecto mediambiental. Para isto, fixo asinar un cutre-convenio a esta asociación coa Protectora de animais, para a castración e recollida de gatos urbanos.
As consecuencias non foron as desexables: a desaparición de colonias de gatos existentes e a acumulación insostible de animais nun recinto inapropiado que xestionaba, cun encomiable, pero insostible voluntarismo, as responsables do Proxecto Gato. A Asociación, desafuizada - tras manter un prolongado enfrontamento coa concellala- do espazo conveniado co Concello, sobrevive hoxe cos seus propios medios e as aportacións voluntarias, realizando un importante labor de  recollida e adopción.
En ausencia dunha política municipal, as cousas hoxe seguen sen atopar un camiño racional: na rúa, unha caza de gatos, repartida entre a protectora de animais (que volveu a coller as riendas desta actividade e está a recoller sistemáticamente animais das súas colonias urbanas) e as voluntarias do Proxecto Gato, no seu novo refuxio, rodeadas de ducias de animais buscando adopción.

Sen entrar en fonduras sobre quen ten a razón na  disputa que manteñen  Protectora e Proxecto Gato, coa admiración e respecto que me producen as persoas que se desviven por salvar e coidar dos nosos animais, é obvio que as cousas se están facendo mal. E nestes casos, só hai un responsable: a administración pública que ten a competencia nesta materia, o Concello de Vigo e, en concreto, a concellería de Medio Ambiente, liderada por unha persoa cuxa incompetencia se ten manifestado demasiadas veces: a alpinista Chus Lago.
Non existe un criterio municipal sobre cal debe ser o papel e como deben ser xestionados os animais en liberdade no espazo urbano. Nunha concepción obscura e medieval, respóstase dende o Concello con accións sanitarias --eliminación de pragas-- ao que debería respostarse con políticas de control e xestión en positivo. As arbitrarias e deslabazadas accións actuais, tanto por parte da protectora de animais como do proxecto gato, só convirten aos felinos ou ben en inquilinos eternos da "perrera", ou ben en mascotas.
Os gatos poden convivir perfectamente en liberdade no noso entorno: axeitadamente administradas as súas colonias, controlada a súa natalidade, vixilada e limitada a súa expansión a zonas perfectamente identificadas, acreditadas as persoas autorizadas a darlles alimento e a supervisar os grupos... non só deixan de ser un problema, senon que pasan a formar parte da paisaxe e da vida urbana, eliminando roedores e, sobre todo, facéndonos disfrutar do privilexio e o pracer de contemplar no noso contorno, a beleza de animais salvaxes que poden convivir perfectamente cos seres humanos.

9.6.14

Escaleiras na rúa II República, incumpren o PEPRI Casco Vello e son inútiles

O Concello de Vigo iniciou as obras para a construcción dunhas escaleiras mecánicas na rúa II República (antes Baixada a Príncipe) no Casco Vello vigués, cun custo de máis de 500.000 euros. O proxecto, que non está recollido en ningunha figura de planeamento, incumpre o Plan Especial de Protección do Casco Vello (PEPRI) en, polo menos, tres aspectos:
- falta de previsión da actuación no planeamento vixente
- eliminación de pavimentos tradicionais protexidos no PEPRI
- modificación prohibida de rasantes

Obviando este incumprimento, as escaleiras son, ademais, inútiles, contraproducentes e inoportunas.
Inútiles pois non solucionan ningún problema de accesibilidade. Por unha banda, porque son só de subida; por outra, porque existen xa boas alternativas de accesibilidade sen necesidade desa obra que destroza un espazo público tradicional que estaba en perfecto estado: o itinerario peonil, cunha pendente aceptable; un itinerio que vai dende a Porta do Sol á rúa Pracer, por Abeleira Menéndez, que estaba a ser usado por cada vez máis persoas como alternativa para subir ata o Concello e o Castro. Un itinerario accesible cun alto valor urbano e histórico que, ademais, é o segundo tramo doutro maior que comunica, de xeito ameno e natural, pola rampa do Centro Comercial da Laxe, a zona portuaria coa praza da Pedra, Constitución e Porta do Sol.
Unha obra contraproducente pois interfire na consolidación do itinerario peonil, que acabamos de comentar, ao supoñer un atallo que, evitando a rúa Abeleira Menéndez, resta posibilidades de uso desta rúa e, consecuentemente, de posibilidades de negocio nesta.
Unha obra inoportuna polo que significa de derroche en actuacións innecesarias nun momento de escasez, no que outras necesidades reais semella que deberan ser afrontadas.

Estas obras, contratadas á empresa CivisGlobal (nome novo adquirido pola empresa Movexvial (unha das principais contratistas do Concello de Vigo, en tempos do bipartito) despois do escándalo das facturas falsas de Las 5 Jotas, -que o propietario desta empresa relacionou con pagos a políticos-, vén a sumarse a anteriores proxectos de suposta accesibilidade no Casco vello, como ocurrencias sacadas da manga, que xa constaron centos de miles de euros aos contribuíntes: o funicular do Berbés e o autobusito de Santi Domínguez.
O primeiro, que ía costar a frioleira de 5 millóns de euros e no que se gastaron no concurso xa algúns miles, foi, afortunadamente, finalmente rexeitado, aínda que a súa soa formulación supuxo outro mazazo máis á abandonada fachada histórica do Berbés.
Do despropósito da merca por parte do bigoberno BNG/PSOE, con cargo ao Plan E, por 500.000 euros dun microbús para facer un ridículo percorrido polo Casco Vello, xa non queda nada nin nada se sabe que foi do vehículo, comprado, aínda por riba, cun sobrecusto respecto ao seu prezo de mercado.
Non remataron aí as ocurrencias fallidas, como a anécdota do bluf dasbicicletas eléctricas que de xeito chapuceiro puxo en marcha o bipartito do BNG vigués.

A mobilidade e accesibilidade no Casco Vello non se resolve con ocorrencias, senon con políticas de rexeneración urbana integrada e integral, coa remodelación das liñas de transporte público que conecten adecuadamente o eixo norte-sur da cidade usando os bordos accesibles do barrio (Carral-Porta do Sol-Paseo de Alfonso-Praza do Rei- Camelias), coa potenciación dos itinerarios peonís existentes, coa decidida aposta polo uso residencial fronte o equipacional. Mentres tanto, os nosos gobernantes malgastando os nosos cartos.

3.6.14

O Centro Galego de Fotografía no Casco Vello de Vigo

O autochamado Centro Galego de Fotografía é o resultado da existencia de excedente do Plan E: máis de 20 millóns de euros administrados, a golpe de ocorrencias e irregularidades, polo bigoberno municipal do BNG -coa connivencia do PSOE vigués e o silencio da Asociación de Veciños do Barrio, que servíu de correa de transmisión-, da mesma maneira que o foi a ruinosa Pinacoteca. Nace, como esta, morto e insostible, destinado a albergar unha parella de seguratas e a ter unha nula incidencia cultural ou social no barrio e na cidade. Estamos nun barrio paradoxalmente hiper-equipado, no que a intervención crítica debera ser a construcción de vivenda pública (coa correspondente política de realoxo e non de expulsión).
A absurda dispersión de coleccións artísticas nun radio de algo máis de un quilómetro no centro urbano (a chamada por alguén Milla de ouro cultural) pon de manifesto a alegría e falta de criterio e prioridades presupostarias. Resulta particularmente ridículo construir dous edificios de equipamentos (que, insisto, deberían ser vivendas), cando o MARCO,  carece de colección pero ten espazo, persoal e orzamento propio, todo moi axeitado para albergar tanto a colección fotográfica como a de pintura, almacenala en condicións idóneas e preparada para a súa consulta e exhibición cunha programación intelixente de mostras temporais.
Resulta ridículo, un despropósito e unha irresponsabilidade presupostaria, construir máis equipamentos culturais nun espazo urbano no que señorean, expropiados polo capital financeiro aos cidadáns aforradores, dous grandes edificios que deben ser devoltos ao pobo que os pagou: os dous centros culturais da antiga Caja de Ahorros Municipal de Vigo, situados en Policarpo Sanz. Máis pronto que tarde, esta reivindicación de municipalización ou acordo cívico para a súa autoxestión,   terá que formar parte do programa dos que queren  devolver a soberanía á cidadanía.
¿A  nosa alternativa? reconvertir en vivendas de promoción pública, para realoxo ou aluguer os edificios da Pinacoteca e do Centro Galego de Fotografía e realizar, de unha vez, un auténtico plan de rexeneración urbana do Casco Vello vigués, máis alá da parcial, desordenada, ilegal (as actuacións no Espazo Público, a rehabilitación do Pazo de Arias Taboada, o aumento de volume do Mercado do Berbés ou as escaleiras da rúa 2ª República, a rehabilitación de edificios na rúa Real para o Rexistro da Propiedade, incumpren flagrantemente o PEPRI Casco Vello) incongruente e derrochadora actuación das administracións públicas.